LÍNGUAS MINORITÁRIAS NA EUROPA (VIII)
“Os romanos chegan a Galicia (s. 1 d.C.) moito máis tarde que ó resto da península (s. III a.C.). Comeza así unha tardía romanización que conlevou a incorporación dos celtas (e outros pobos) á lingua e cultura dos conquistadores. O latín pasaba a se converter na lingua dos galegos, mais este proceso non se deu de contado, senón paseniñamente por mor de casamentos e de determinadas vantaxes administrativas como a cidadanía romana, o reparto das terras, etc.
O proceso de romanización tamén se deu noutros lugares, o que explica que da lingua utilizada por aquel entón, o latín vulgar, derivasen as chamadas linguas românicas.
A partir do s. V chegan a Galicia pobos de raza e lingua xermánica que non son quen de asimilaren lingüisticamente ós galego-romanos, outro tanto acontecería coa escasa presencia dos árabes no noso país e a chegada de novas vagas celtas de Bretaña. Destes contactos, o galego recibe un gran número de préstamos lingüísticos tanto xermánicos (laberca, espeto, roupa, etc) como árabes en menor medida e máis indirectamente (Mamede, laranxa, aceite, azucre…).
A transformación do latín en galego produciuse de maneira progresiva e imperceptible. É imposible dar unha data exacta desde a que o latín é galego. No s. VIII a lingua da igrexa e da administración era tan distante da falada que hai dous sistemas diferentes: o latín e o galego.
O documento literario máis antigo dos coñecidos, a cantiga satírica Ora faz ost’o senhor de Navarra de Joan Soares de Paiva, data do s. XII. Dos comezos do s. XIII son os primeiros documentos non literarios, Noticia de Torto e Testamento de Afonso III de Portugal.”
(continua)
Links a consultar:
http://pawley.blogalia.com/historias/26633
http://galego.org/historia5.html
http://galego.org/historia6.html
http://galego.org/historia7.html
[2133]
Entry filed under: Cultura, Artes e Letras.



